Thursday 25 de April de 2024

Lolo Penas e Joselyn Daniel y Brea Abreu vencen na XXIII Carreira Pedestre Popular de Noia, na que participaron máis de 600 atletas


 

Atletismo Sar-Vermú Petroni, Club Atletismo O Pino e Tambre Bike&Running foron os gañadores da competición por equipos

Os atletas Lolo Penas Blanco (Club Atletismo O Pino) e Joselyn Daniel y Brea Abreu (Sociedade Gimnástica de Pontevedra) gañaron a XXIII Carreira Pedestre Popular de Noia, desputada na noite de onte sábado polas rúas da vila noiesa e na que tomaron parte máis de seiscentos atletas. O alcalde de Noia, Santiago Freire, foi o encargado de dar a saída á proba absoluta, momento no que se realizou unha sentida homenaxe a Manolo Paz Suárez (Noia, 1933) que aos seus 86 anos vén de gañar as probas dos 200 e 400 metros no Campionato de España Máster e que participará do 9 ao 12 de setembro nos Campionatos de Europa Máster.

Penas Blanco, que repite triunfo por segundo ano consecutivo, foi no grupo de cabeza durante toda a proba e destacouse dese grupiño nos derradeiros 500 metros, cando corría pola rúa Rosalía de Castro. Ese sprint permitiulle chegar a meta cun tempo de 24 minutos e 24 segundos, case un minuto e medio menos co seu tempo o ano pasado en cubrir os 8 km da proba. A tan só tres segundos do gañador entrou o segundo clasificado, o portugúes Nuno Costa (Tambre Bike & Running). O arxentino Facundo Ismael Medard (Triatlón Arteixo) completou o podio cun tempo de 24 minutos e 31 segundos.

A anécdota da proba protagonizouna Romaric Forques (San Miguel de Marín) quen chegou tarde á saída da proba e partiu cun minuto de desvantaxe con respecto aos seus compañeiros. Aínda así, o atleta chegou en sexta posición (primeiro na categoría Sub 23), cun tempo de 25 minutos e 13 segundos, o que indica que, de ter saído co pelotón, posiblemente estaría desputando a vitoria da proba.

Na categoría feminina, Joselyn Daniel y Brea Abreu rachou co dominio de Paula Mayobre nas últimas edicións da Carreira Pedestre Popular de Noia. A atleta da Sociedade Gimnástica de Pontevedra gañou cun tempo de 26 minutos e 49 segundos, entrando no posto 18 da proba absoluta. Mayobre (Club Atletismo Clínica Dental Seoane) entrou case medio minuto despois (27:11), no posto 22 da xeral. Completou o podio feminino Sandra Mosquera Losada (Adas Proinor) cun tempo de 28 minutos e 26 segundos, que lle valeron o posto 46 da xeral.

Clasificacións

Na clasificación por equipos, o gañador foi un ano máis o Atletismo Sar-Vermú Petroni. Onde si houbo cambios foi no resto do podio, ocupado polo Club Atletismo O Pino e o Tambre Bike & Running. Levaron cadanseu premio en metálico de 200, 100 e 75 euros, respectivamente. Pódense consultar todas as clasificacións na páxina web de EME-Sports: https://eventos.emesports.es/inscripcion/xxiii-carreira-pedestre-popular-de-noia/clasificaciones/&lang=es

Os premios, tanto das categorías absoluta como escolares, foron entregados polo alcalde de Noia, Santiago Freire; o concelleiro de Obras, Martín Fernández Godón; o homenaxeado Manolo Paz Suárez; e Marisol Mayo, vicepresidenta do Club Atletismo Noia. O Concello de Noia agradece a colaboración prestada por Protección Civil de Noia, Policía Local, Cruz Vermella Noia e Asociación de Voluntarios de Protección Civil de Noia, Pobra do Caramiñal, Mazaricos e Outes no desenvolvemento da proba. A XXIII Carreira Nocturna Pedestre Popular forma parte do VII Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña e desenvolveuse baixo o control técnico da Delegación de Santiago da Federación Galega de Atletismo.

Podes descargar máis fotografías neste enlace de wetransfer: https://we.tl/t-Sc6DrJESi6